Star Wars Jedi: Survivor e TopSpin 2K25 chegan a PS Plus Premium e Extra

mércores, 12 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O catálogo de videoxogos que estarán dispoñibles para subscritores de PlayStation Plus Premium e Extra no mes de febreiro, pese a non ter moitos xogos de grande peso, si conta cun par de títulos relevantes, como é o caso de Star Wars Jedi: Survivor e TopSpin 2K25, ambos en versións para PS4 e PS5, destacando por motivos distintos: o xogo de Star Wars conseguiu consolidar unha serie de acción retomando a historia de Star Wars Jedi: Fallen Order, mentres que o xogo de tenis recuperou unha marca que levaba aparcada dende 2011.
Pero estes non serán os únicos títulos, pois tamén teremos Lost Records: Bloom & Rage – Tape 1 para PS5, SaGa Frointer Remastered para PS4, Somerville para PS4 e PS5, Tin Hearts para PS4 e PS5 e Mordhau para PS4 e PS5, que estarán dispoñibles para subscritores Premium e Extra. Pola contra, un par de títulos só estarán dispoñibles para subscricións Premium, como serán Patapon 3 (que traslada a PS4 e PS5 un clásico de PSP) e Dropship: United Peace Force (que adapta a PS4 e PS5 un vello xogo de PS2).