Siri podería tardar máis do previsto en incorporar as melloras prometidas en xuño

venres, 14 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Tras a presentación de Apple Intelligence na WWDC dende Apple quixeron deixar claro que a súa intelixencia artificial non chegaría de xeito completo cos novos iPhone, senón que as súas prestacións chegarían de xeito progresivo e, no caso de Europa, habería que agardar á vindeira primavera para poder catar esta tecnoloxía.
Agora que está preto o mes de abril, que é cando se supón que tería que chegar a IA de Apple a Europa xunto coa agardada renovación de Siri, para tal asistente deixe de ser motivo de burla, pero dende Bloomberg están a reducir as expectativas, advertindo que os fallos que se están a detectar poderían provocar que moitas das novidades esperadas para o mes de abril se adíen.
Nas páxinas de Bloomberg o analista Mark Gurman asegura que as novidades de Siri previstas para iOS 18.4 adiaríanse até iOS 18.5, de xeito que Siri tardaría máis en inclúe agardadas novidades como o feito de que o asistente sexa consciente do contexto, poida entender o que se ve en pantalla para telo en conta nas súas respostas e poida executar accións en aplicacións (que é a novidade que moitos agardan con máis interese).
O grande problema dos adiamentos das novidades baseadas en Apple Intelligence sería o dar unha primeira mala impresión nos mercados europeos e o feito de que cando chegue a vindeira edición da WWDC no mes de xuño habería funcións anunciadas 12 meses atrás que aínda non estarían plenamente operativas, o que sería unha grande decepción para os incondicionais da compañía da mazá.