O OnePlus Watch 3 terá até 120 horas de autonomía

luns, 10 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

OnePlus anunciou o inminente lanzamento do seu novo reloxo conectado, o OnePlus Watch 3, que chegará ás tendas europeas o vindeiro 18 de febreiro, e que pretende conseguir o favor dos usuarios coa súa combinación de prestacións avanzadas e unha autonomía sen comparación, xa que en modo aforro de enerxía podería aguantar até 16 días, pero coas funcións de smartwatch activadas podería chegar até os 5 días de autonomía. Tamén destaca o feito de conseguir un día de autonomía con só 10 minutos de carga.
Para conseguir estes logros o OnePlus Watch 3 repite a xogada do seu reloxo predecesor: combina dous chipsets (o Snapdragon W5 para as funcións avanzadas e o BES2800 para unha maior eficiencia enerxética).
O reloxo tamén está equipado con batería OnePlus Silicon NanoStack, a mesma tecnoloxía empregada no último smartphone insignia, o OnePlus 13, que mellora significativamente a densidade enerxética sen comprometer o deseño delgado do reloxo. A capacidade da batería do OnePlus Watch 3 aumentou a 631mAh, en comparación cos 500mAh da versión anterior.
O OnePlus Watch 3 estará dispoñible en dúas cores (titanio esmeralda e titanio obsidiana), aínda que teremos que agardar ao día 18 para saber máis sobre este atractivo accesorio que aspira a converterse no referente do mercado como reloxo con WearOS (sistema operativo que conta, por exemplo, con aplicación para acceder a WhatsApp, o que supón toda unha vantaxe competitiva fronte a reloxos básicos e mesmo o Apple watch).