O Concello de Boiro celebra un curso de robótica para a rapazada
venres, 14 de febreiro do 2025
O Concello de Boiro vai levar a cabo esta tempada un curso de robótica, drons, lentes de Realidade Virtual e Impresión 3D
. Trátase dunha actividade formativa dirixida a nenos e nenas co obxectivo de “fomentar a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades tecnolóxicas”. O curso desenvolverase na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro entre o 10 de marzo e o 9 de xuño.
En concreto, está destinado a rapaces e rapazas nados entre o 2010 o 2016 con interese na informática e uso de ferramentas tecnolóxicas e programación básica. Esta formación vai contar cunha introdución ao manexo de drons; conceptos básicos de Impresión 3D, introdución á Realidade Virtual, introdución á robótica, uso seguro de Internet e ferramentas dixitais e outros xogos e actividades didácticas relacionados coa informática.
A formación vaise celebrar os luns entre o 10 de marzo e o 9 de xuño en horario de 17.00 a 19.00 horas na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro. A inscrición no curso e gratuíta e pode facerse dende o 17 ao 21 de febreiro mediante o Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro.