Compostela acollerá un salón do videoxogo: Píxel á Feira

xoves, 2 de outubro do 2025 Redacción

O Palacio de Congresos de Santiago de Compostela acollerá os días 8 e 9 de novembro a primeira edición de Píxel á Feira, un evento pioneiro que marca un antes e un despois na relación entre Galicia e o mundo do videoxogo. Promovido pola Deputación da Coruña, o salón nace coa ambición de consolidarse como cita anual para profesionais, creadoras, xogadores e público xeral, nun espazo que combina innovación tecnolóxica, reflexión cultural e impulso industrial.
A proposta vai máis alá do lecer: busca recoñecer o videoxogo como unha manifestación artística de pleno dereito, con capacidade para dialogar coas artes escénicas, a música e a creación contemporánea. O comisariado corre a cargo de Iago Gordillo, referente galego no ámbito da divulgación dixital, quen buscará que a cita se converta nun punto de encontro para construír comunidade arredor do videoxogo.
A programación incluirá espazos para experimentar con novos contidos, torneos, exposicións e actividades divulgativas, así como a participación de figuras destacadas do sector a nivel nacional e internacional. Tamén se dará visibilidade ao tecido comercial vinculado á cultura interactiva, con presenza de librarías, tendas especializadas e proxectos locais que atopan neste salón unha plataforma de promoción.
Nun contexto onde a industria do videoxogo medra en relevancia económica e social, Píxel á Feira aspira a situar Galicia no mapa internacional, reivindicando o talento propio e abrindo novas vías de colaboración entre tecnoloxía, arte e sociedade. A cita promete ser tanto un espazo de aprendizaxe como de celebración, onde a innovación e a creatividade se dan a man para redefinir o papel do videoxogo na cultura contemporánea.
Os interesados en contar cun expositor na zona de tendas do evento ou na zona interactiva, así como os que simplemente queiran organizar algunha presentación ou actividade que non precise dun espazo físico fixo poden inscribirse no evento a través dun formulario web.