Audio-Technica renova os seus auriculares de condución cartilaxinosa

xoves, 13 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Os auriculares de condución ósea gozan de boa aceptación entre os deportistas, por permitir escoitar música ou atender chamadas telefónicas sen obstruír o canal auditivo, de xeito que poden empregarse con seguridade en exteriores mentres se practica deporte, resultando tamén unha tecnoloxía atinada para o seu uso na auga.
Atendendo a esta gama de dispositivos o fabricante de referencia é Shokz, que practicamente son competía coa marca Suunto, pero a cousa pode mudar, xa que un fabricante tan recoñecido como Audio-Technica está a conseguir experiencia no que deu en chamar auriculares de condución por cartilaxe, lanzando agora os seus segundos auriculares con esta tecnoloxía, modelo ATH-CC500BT2 a un prezo de 139 euros.
Audio-Technica sostén que este tipo de auriculares ofrecen unha boa calidade sonora e resultan moi confortables mentres se realizan actividades cotiás como traballar na casa ou na oficina, pasear ao aire libre e facer exercicio.
A compañía quere distinguir a condución cartilaxinosa da condución ósea, ao detallar que cos seus auriculares é a cartilaxe do ouvido externo a que actúa como medio de transmisión do son, chegando as vibracións ao conduto auditivo de xeito que os propios ouvidos funcionan como altofalantes, no que consideran que é un xeito máis seguro e hixiénico de escoitar música. Aseguran que este tipo de tecnoloxía resulta máis cómoda que a condución ósea tradicional por precisar de menos presión para funcionar (polo que ocasiona menos molestias).
Os auriculares ATH-CC500BT2 teñen resistencia á auga IPX4, redución de ruído mediante IA (para ofrecer chamadas e conversas nítidas), emparellamento multipunto, unha autonomía de até 20 horas de reprodución continua (coa posibilidade de funcionar até 120 minutos tras 10 minutos de carga), a súa carga pode realizarse a través de USB-C, o seu deseño é lixeiro (32 gramos) e cómodo de levar e contrólanse durante tres botóns físicos.
Un produto realmente interesante, especialmente para os consumidores que confían na marca e queren probar a experiencia sonora sen bloquear o ouvido para sons externos.