A XGN Intermax AI Edition abre as súas portas de xeito non oficial coa xornada pre-party

mércores, 8 de outubro do 2025 S. P.

Como xa adiantamos dende Código Cero, a XGN Intermax AI Edition estase a preparar e terá lugar do 10 ao 12 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda (Pontevedra).
Informar que xa na tarde de mañá, xoves 9 de outubro, como é habitual, a XGN abrirá ás 16.00h as súas portas de xeito non oficial na súa xornada pre-party. Farao para facilitar o acceso graduado das persoas inscritas e a instalación tanto dos seus equipos como dos seus útiles para durmir na zona de acampada. Se ben as e os inscritos que acudan xa mañá poderán comezar a empregar os seus equipos, aínda será unha xornada centrada na realización de probas técnicas e de montaxe para a posta a punto da party e para garantir a estabilidade da conexión de cara ao día seguinte. Asemade, o programa de actividades comezará o venres 10 de outubro, día oficial da apertura do evento.
Lembrar que a cita deste ano, que coincide co 25ª aniversario do encontro, contará cun amplo programa de actividades que volve a medrar, pasando de cincuenta propostas o ano pasado a setenta nesta edición, subliñando desta volta o protagonismo da Intelixencia Artificial (IA).
En canto ás actividades dirixidas exclusivamente ás persoas inscritas, a Intranet da XGN Intermax AI Edition incluirá competicións de arte dixital e tamén de CTF, nas que as e os participantes tratarán de resolver retos de ciberseguridade. No apartado hardware contará con diversas propostas: introdución e creación de proxectos de modificación e personalización de equipos (modding), a carreira de leds Open Led Race e unha zona de impresoras 3D que incluirá unha granxa destas máquinas ou o espazo Maisprinter, pensado para apaixonados deste ámbito no que compartir coñecementos, experimentar coas impresoras, poñelas a punto ou desfrutar imprimindo. En canto á área de software libre, incluirá propostas como o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo.
Alén disto, organizaranse torneos de máis de vinte videoxogos, algúns para PC e outros para consola. Entre eles haberá oito competicións con premios: League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, FC26, Mario Strikers: Battle League, Super Smash Bros Ultimate e Mario Kart Deluxe 8. As restantes competicións serán de Overwatch 2, AoE II Definitive Edition, Duck Game, Overcooked 2, Peak, Pokemon TCG Pocket, R.E.P.O, Starcraft 2: Legacy of the Void, Teamfigth Tactics, Tricky Towers, Ultimate Chicken Horse, Ultra Start, Web Games, StreetFighter e Clash Royale.
Engadir que haberá tamén xogos tan divertidos como o trivial de cinema, debuxo analóxico, fast relato, xogos con avións de papel ou concurso de plastilina.
Para aquelas persoas non inscritas a party conta un ano máis coa súa Extranet, área á que poden acceder tanto os rexistrados como os visitantes ocasionais do recinto. Esta zona Extranet estará aberta durante os dous primeiros días da party, 10 e 11 de outubro, e incluirá un amplo programa de conferencias e obradoiros de gran nivel, nos que terá un importante peso a Intelixencia Artificial e que serán impartidos por expertos. Levaranse a cabo baixo os títulos: Intelixencia Artificial aplicada á impresión 3D de medicamentos personalizados, IA na música, evolución e creatividade, Un mundo de fantasIA, Intelixencia Artificial: o teu novo superpoder, Aumenta o teu potencial con n8n na era da IA, Espremer o teu PC ao 100%, optimización de CPU e GPU para gaming, creación de contidos e IA, Revivindo a tecnoloxía, da Game Boy Cor aos Macs modernos ou Do mundo real ao mundo dos videoxogos: como Fortnite, o videoxogo máis xogado do mundo, abre novas portas para institucións e entidades. Amais, o creador de contido Matty Sánchez, centrado en estilo de vida, adestramento e receitas saudables, conducirá unha charla.
Por outra banda, haberá atractivos obradoiros, entre eles un centrado en electrónica que proporá construír unha radio FM dende cero, outro sobre como hackear dispositivos electrónicos, un terceiro de hacking ético e un cuarto centrado na programación de baixo nivel con fundamentos da programación de sistemas operativos en arquitectura x86.
Engadiranse obradoiros de cosplay, actividade consistente en confeccionar disfraces e accesorios de personaxes de videoxogos, cinema, manga ou cómic.
Por último sinalar que o evento disporá de áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.