A RAGC celebra o Día da Ciencia en Galicia entregando as Medallas de Investigación
mércores, 8 de outubro do 2025
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores 8 de outubro en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou ao químico Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 - Barcelona, 1988) como Científico Galego 2025. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco destacadas/os científicas/os da nosa terra.
Trátase de Francisco Blanco, quen usa a IA para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas reumáticas; Laura Carballo, quen traballa por mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras do mar; Juan Mª Pou, experto na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade; Nieves Rodríguez Brisaboa, investigadora do CITIC da UDC e experta no procesamento de grandes volumes de datos; e Mª Carmen Veiga, quen recupera das augas residuais compostos de alto valor comercial como bioplásticos ou biocombustibles.
Ao evento, presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora de GAIN, Carmen Cotelo; o director da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, científicas, educativas, culturais e de investigación galegas.
En relación á entrega das Medallas de Investigación da RAGC, Juan Lema salientou que “son os premios máis prestixiosos da ciencia en Galicia. O seu valor vén dado pola excelencia, a humanidade e o compromiso das persoas premiadas, que co seu traballo engrandecen a ciencia galega e proxéctana no mundo”.
As persoas distinguidas este ano foron, en Bioloxía e Ciencias da Saúde, Francisco J. Blanco, referente internacional no eido da Reumatoloxía, catedrático da Universidade da Coruña, investigador do CICA -Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC-, recoñecido por aplicar tecnoloxías computacionais avanzadas para personalizar o diagnóstico e o tratamento das doenzas reumática; Laura Carballo, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, especialista en Dereito laboral marítimo internacional, comprometida coa mellora das condicións dos traballadores do mar, recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais; Juan María Pou, catedrático de Física Aplicada da UVigo, centrado na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade, foi o galardoado en Ciencias Técnicas; Nieves R. Brisaboa, catedrática de Ciencias da Computación da UDC, descada investigadora do CITIC -Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC-, experta en algoritmos e no procesamento de grandes volumes de datos, foi recoñecida no eido das Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e Mª Carmen Veiga, catedrática de Enxeñaría Química da UDC, investigadora do CICA, recibiu a medalla da sección de Química e Xeoloxía polos seu traballos no tratamento de augas residuais, valorización de residuos sólidos e depuración de efluentes gasosos mediante procesos biotecnolóxicos sostibles.
