A FIC lanza o programa ALCMENA para fomentar o talento algorítmico en Galicia

mércores, 8 de outubro do 2025 S. P.

O Grupo de Investigación Laboratorio de Bases de Datos, adscrito á Facultade de Informática da Universidade da Coruña, vén de crear ALCMENA, un novo programa de mentoring de algoritmos competitivos para promover a formación algorítmica do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato de Galicia.
Segundo informa a UDC, o obxectivo xeral deste iniciativa é “fomentar o interese e o talento no eido da informática e a programación entre o alumnado, axudando a desenvolver as habilidades de programación e resolución de problemas algorítmicos, a promover o pensamento lóxico e a creatividade e a descubrir e potenciar o talento neste ámbito científico”.
Ademais, ao estar aliñado coa formación da Olimpíada Informática Española, “permitirá preparar ao alumnado para concursos de programación, como a Olimpíada Informática Galega”, engadiron fontes da UDC.
O Laboratorio de Bases de Datos
O Grupo de Investigación Laboratorio de Bases de Datos, adscrito á Facultade de Informática da UDC, leva anos intentando impulsar a programación competitiva en Galicia, así como tamén organizando diversos eventos e competicións neste eido, como a Olimpíada Informática Galega e outros concursos universitarios en programación.
Desde o Grupo manifestan que “as grandes empresas tecnolóxicas están a amosar un interese real neste tipo de perfiles de programación competitiva, polo que resulta unha boa oportunidade para poder descubrir vocacións profesionais cun futuro prometedor no mundo laboral”.
Inicio da formación
A primeira actividade desta nova formación é a impartición de clases de apoio e mentoring de programación, que terán lugar os venres pola tarde, cada dúas semanas, de 18:00 a 19:00 horas, na Facultade de Informática, empezando o venres 10 de outubro de 2025.
ALCMENA está aberto a todo o alumnado de ESO e Bacharelato da comunidade autónoma de Galicia, sen necesidade de ter coñecementos previos de programación, ata completar as 30 prazas dispoñibles. Para acceder ao programa é necesario inscribirse. Non é necesario que se realice desde os centros educativos, pode facerse de xeito individual. A inscrición estará aberta durante todo o curso, pero recoméndase a participación desde o inicio.